COMEZA A REPARACIÓN DA PASARELA PEONIL ENTRE NEDA E NARÓN

Neda, 29 de novembro de 2017. - O goberno de Neda valora que desde onte estean en marcha as obras de reparación da pasarela peonil que une este municipio co de Narón. Ata dentro de catro meses a devandita estrutura permanecerá pechada ao tráfico de persoas, unha situación pola que o Concello e mesmo tamén o Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente están a pedir desculpas nun cartel situado a escasos metros do arranque da intervención. Esta consistirá na substitución de materiais e elementos que se atopen en mal estado, así como unha limpeza de carácter xeral para deixala renovada.
A empresa pública Tragsa está ao fronte dunha intervención que lle foi contratada por un importe de 196.034,07 euros. O financiamento do proxecto corre a cargo do devandito Ministerio, a través da Dirección General de Sostenibilidad de la Costa y del Mar.
A pasarela ten un dobre arco central de 45 metros cada un. É de madeira laminada sobre un taboleiro formado por un caixón en aceiro de dos metros de anchura e outros 2,5 máis ao aire. Un xogo de amarres e cables laterais dan á estrutura unha imaxe de flexión. A pasarela foi inaugurado no 2004 e só catro anos despois afrontou a súa primeira reparación por parte da Demarcación de Costas en Galicia.