A RUTA DO PINCHO, ENTRANTE CARA Á FESTA DO PAN

 Neda, 11 de agosto de 2017.- O Concello de Neda organiza unha nova edición da Ruta do Pincho, unha actividade que serve de entrante á Festa do Pan e que este ano presenta como novidade unha aplicación para móbiles que permitirá coñecer desde a localización ata os horarios e menús dos oito establecementos participantes -A Canteira, O Fumazo, Entreríos, O Lagar, Albarón, La Barra de Oro, Chámalle como Queiras e Hiper Energy-. Trátase de “Quedamosdetapas”, un recurso que se poderá descargar, a partir do día 17, co código QR que figura no cartaz da cita ou mesmo tamén en quedamosdetapas.com. Con este sistema quérense poñer as novas tecnoloxías ao servizo das persoas que gustan de descubrir pequenas mostras de sabor cheas dunha tradición que chega da man do pan que se fai na localidade.

A convocatoria gastronómica desenvolverase durante as dúas últimas fins de semana do mes de agosto (do venres 18 a domingo 20 e de venres 25 a domingo 27). O prezo do pincho será dun euro e o goberno municipal prevé tanto a entrega de trofeo aos mellores hostaleiros como premios en metálico de 100 euros entre a clientela. Para optar a estes últimos, o público terá que cubrir as cartillas nas que se terán que votar a proposta máis saborosa, a máis orixinal e a mellor presentada. As consumicións serviranse os venres de 20.00 a 23.00 horas, os sábados de 12.00 a 15.00 e de 20.00 a 23.00 horas e os domingos de 12.00 a 15.00 horas.