Cartel gañador da XIX Festa do Pan de Neda. Autora Alba Permuy Martínez (Neda)

Baixo o Lema Pan Queer de Neda, Alba Permuy Martínez (Neda), resultou a gañadora do concurso do cartel anunciador da XIX Festa do Pan de Neda.
Dos 16 traballos presentados o seu foi o elexido polo xurado, formado por Ana Rosa Pena Barcia - Tenente de Alcalde- , Cristina Bouza Bellón - Concelleira de
Cultura-, Leandro Lamas - Artista- e Manel Gómez Santos - Deseñador Gráfico -.
E así explica a autora a súa proposta:

Baixo o lema “Pan Queer de Neda”, preséntase esta proposta de cartaz inspirado na combinación de dúas ideas: a identidade, -persoal e local-
, en mestura coa tradición e a transformación social.
 

O pan de Neda representa un dos elementos identitarios máis recoñecidos da localidade. Sen dúbida, o noso pan simboliza para o pobo patrimonio, tradición e cultura; e por iso se sitúa no centro da imaxe. E da redor deste pan, aparecen eses outros elementos que combinan a tradición e o folclore, -como é o caso do traxe-, en relación coas ideas defendidas polo movemento de transformación social feminista queer. Un movemento que aposta pola construción de identidades persoais, estéticas e afectivas, ambiguas; identidades descontextualizadas da socialización de xéneros e dos encargos patriarcais.
 

Así, nesta fotografía de Pablo Santiago, acompañada dun lema cuxa fonte tipográfica Gaspar é deseño orixinal de Carlos Alonso, o modelo, Carlos Rodil, defende o dereito de cada persoa a configurar a súa propia identidade con liberdade, conxugando con total naturalidade tradición e modernidade; combinando os elementos culturais máis autóctonos e significativos do noso territorio, cunha estética transformadora que reivindica o dereito de todas e todos á
diversidade e á autenticidade.


Unha idea orixinal de Alba Permuy