Novas


MANIFESTO DO CONCELLO DE NEDA DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER

 Un 25 de Novembro máis, os grupos que conforman o Concello de Neda conmemoramos o Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. 

Dende este Concello manifestamos a nosa absoluta repulsa a tódolos tipos de violencia e o noso apoio e defensa de tódolos principios de igualdade. E máis no momento histórico no que nos atopamos e cos esforzos que se están a facer para frear a propagación da covid-19, obrigando a medidas de confinamento que puxeron e aínda seguen a poñer en perigo tanto ás mulleres como ás fillas e fillos.
 
Este ano perdemos a 41 mulleres asasinadas polas súas parellas ou ex parellas. Por iso queremos recordar a Mónica, Olga, Judith, Liliana, María Concepción, Manuela, Rosa, Lorena, Clara María, Ana María, Alina, María del Mar, Manuela, Concepción, Mónica, Miren, Karina, Encarnación, Annick, Josefa, María Belén, Gloria Oriana, Madalina, Carolina, Lillemor Christina, Teresa, Anabelina, Alina Erica, Rosalía, Saloua, Yesica, Eugenia, Susana, Nancy Paola, Li Na, Habibe, Yolanda, Remedios, Peggy. Como consecuencia, 23 nenos e nenas quedaron en situación de orfandade.
 
Son xa 1068 as mulleres asasinadas dende o 2003.
 
Ano tras ano, conmemoramos e condenamos, e unha e otra vez, seguimos tendo un número de vítimas similar. Se este ano o número ascende a 41, no mesmo periodo do ano pasado atopabámonos con 51 mulleres asasinadas.
 
Seguimos necesitando loita, esforzo, concienciación e rexeitamento para que as cousas cambien. É unha tarefa dura e de longo percorrido que todos e todas teremos que facer e que entre todos e todas conseguiremos.
 
Deste xeito, os grupos que conformamos o Concello de Neda manifestamos, coma sempre, o rexeitamento a tódolos tipos de violencia contra as mulleres e comprometémonos na loita para a erradicación desta lacra buscando, ademáis, o apoio de todas as veciñas e veciños para combatela.
 


A compañía Galeatro trae este domingo á Casa da Cultura de Neda “O Camiño da lingua”

 O salón de actos da Casa da Cultura de Neda acollerá este domingo 29 de novembro ás 12,30 horas a obra “O Camiño da lingua”, da compañía Galeatro. Dirixida a nenos e nenas a partir de 4 anos e ás súas familias, este espectáculo teatral inclúese no programa de dinamización lingüística Falaredes, no marco do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021.

A entrada é de balde, con inscrición previa ata o venres chamando ao teléfono 981 39 02 33 en horario de mañá de 10 a 13 e de tarde de 17 a 20 horas. As prazas están moi limitadas por mor dos protocolos de prevención fronte á covid-19 para ofrecer unha cultura segura.

Na obra, atoparemos a Xan, que quere participar no concurso O Camiño da lingua coa intención de gañar o gran premio final. Para iso terá que superar unha serie de probas relacionadas co Camiño de Santiago, coa cultura e coa literatura galega. Pero el só non é quen de superar todos os retos e solicita a axuda do público.


“Tempo para o teatro” despídese por este ano coa obra “Crónicas dunha heterosexual insatisfeita”

 O ciclo municipal “Tempo para o teatro” encara este venres a súa última función. Así, o salón de actos da Casa da Cultura acollerá a partir das 20 horas a obra “Crónicas dunha heterosexual insatisfeita”, escrita e interpretada por María Ángeles Iglesias. As entradas poderán adquirirse ao prezo único de 2 euros a partir de hoxe martes, 24 de novembro, e ata o venres 27 ou esgotar as 30 prazas reservadas para a función no marco do protocolo de prevención fronte á covid-19 para ofrecer unha cultura segura. Onde? Na Casa da Cultura, en horario de 10 a 13 e de 16 a 20 horas.

“Crónicas dunha heterosexual insatisfeita”, producida por Verdeverás, está dirixida a un público adulto e aborda con humor temas como a sexualidade, a parella, as frustracións e os desexos dunha muller absolutamente normal que se anima a saír da rutina e concretar unha fantasía.

O ciclo de teatro conta co apoio da Deputación provincial a través da Rede Cultural.


A veciñanza de Neda protagoniza unha campaña promocional para captar poboación para a vila

 O Concello de Neda activa esta semana unha campaña de promoción do municipio como espazo para vivir, baseada nas experiencias persoais dos seus habitantes. Baixo o título de “Vive en Neda”, a iniciativa converte á veciñanza da localidade en prescriptora da vila, implicándoa no reto estratéxico de gañar novos habitantes.

Convencido de que os mellores embaixadores de Neda son os seus veciños e veciñas, o goberno de Ángel Alvariño dálles voz na nova iniciativa que vén de deseñar, co obxectivo de sumar poboación, revertendo a tendencia á baixa do padrón experimentada polo conxunto dos municipios da comarca nos últimos anos. A campaña busca, ao tempo, fomentar o sentimento de pertenza á comunidade.

Un grupo de nedenses, representados nunha ducia de perfís, prestan a súa imaxe, e toman a palabra nas páxinas oficiais do Concello en Facebook e Instagram para dar a coñecer as vantaxes asociadas a vivir en Neda. As boas comunicacións do municipio, a riqueza paisaxística e ambiental, a importante oferta de servizos e comercial, as axudas á rehabilitación ou o feito de que a vivenda sexa máis barata que en poboacións da contorna son só algúns dos argumentos que sacan á palestra os protagonistas.
 
A campaña promocional “Vive en Neda” súmase ás medidas que o executivo municipal puxo en marcha ao longo do último lustro coa finalidade atraer poboación e, por riba de todo, mellorar a calidade de vida dos actuais residentes. Medidas que van desde o impulso ás axudas de natalidade e conciliación, e o reforzo dos programas de atención social aos maiores, ata a aposta polas subvencións para a restauración de vivendas ou os plans de choque para mellorar a rede de pistas e camiños municipais.
 
O Concello agradece a colaboración desinteresada de cantos participaron nesta campaña, e incide no compromiso municipal por desenvolver novas medidas que permitan captar poboación, especialmente entre a xente máis nova.


O Concello financiará as altas e cuotas mensuais de Internet nos domicilios de estudantes con escasos recursos que acrediten a necesidade do servizo

 O Concello de Neda proponse que ningún estudante quede atrás nos estudos por falta de medios e, con ese obxectivo, vén de anunciar que financiará o acceso a Internet daquelas familias con escasos recursos.

Consciente do maior peso que están a xogar as novas tecnoloxías na educación especialmente a raíz da nova normalidade derivada da covid-19, e a dificultade de fogares para custear as conexións a Internet, a Administración local abrirá as axudas de emerxencia social a este recurso.

Así, adquirirá os equipos, xestionará coas compañías telefónicas as altas e sufragará os custes mensuais das conexións wifi. As axudas destinaranse ás familias que acrediten escasos recursos empadroadas en Neda e con fillos que estén cursando calquer nivel educativo, dende Educación Primaria ata estudos universitarios. Trátase de dar resposta a situacións cada vez máis habituais polas que se reducen as clases presenciais -na etapa universitaria-, cuarentenas por contactos directos con persoas afectadas de coronavirus, confinamentos por positivos ou mesmo posibles peches de aulas por casos deste tipo.
 
Deste xeito, as persoas que se atopen nesta situación deben contactar co departamento municipal de Servizos Sociais (con cita previa no 981 38 00 39 ou a través da web municipal), e a partir de entón a asistenta social valorará cada caso e realizará o informe pertinente para autorizar as axudas.

<<  Anterior | 1  | 2  | 3  | 4  | 5  | Seguinte  >>