Novas


NEDA DESPEDIRÁ ESTE SÁBADO A UN GRUPO DE DOENTES DE DIABETES QUE VIAXAN A PÉ ATA SANTIAGO

Neda, 12 de xuño de 2019.- A Fundación para la Diabetes organiza unha peregrinación a Santiago pola ruta do Camiño Inglés que terá como punto de partida a vila de Neda. Será este sábado, día 15, nas inmediacións da igrexa de Santa María. A saída producirase sobre as 8.30 horas e está previsto que acuda o alcalde en funcións, Ángel Alvariño Saavedra, para despedir e desexar bo camiño aos participantes.
Un total de 100 persoas tomarán parte nunha iniciativa que, denominada “Camina por la diabetes”, ten por obxectivo demostrar que cun control regular e uns hábitos de vida saudable se pode superar calquera reto, aínda que para isto sexa necesario estar preparándose desde o pasado mes de xaneiro, tal e como foi o caso deste grupo de doentes de diabetes do tipo 1 e 2. Os participantes, que sempre estarán baixo vixilancia médica, “queren facer das súas gañas de superación un exemplo a seguir para as persoas, teñan ou non diabetes”.
A distancia á cidade do Apóstolo cubrirase nun total de cinco etapas, polo que a chegada a Santiago producirase o próximo mércores, día 19 de xuño.


O CONCELLO DE NEDA ORGANIZA PARA ESTE XOVES A XX GALA DO DEPORTE LOCAL

Neda, 11 de xuño de 2019.- Este xoves a Casa da Cultura de Neda vestirase de festa para acoller a XX Gala do Deporte local. O acto dará comezo ás 20.00 horas e estará presidido polo alcalde en funcións, Ángel Alvariño Saavedra, e máis polo concelleiro, tamén en funcións, Antonio Seijo Martínez, responsable da área de deportes durante o pasado mandato.
A cita ten por obxectivo facer un balance positivo da última temporada coa entrega dos premios ao Mellor Deportista e ao que ten unha Mellor Proxección Deportiva. Tamén haberá mencións especiais para a agrupación de voluntarios de Protección Civil de Neda e para o Club de Atletismo de Narón e agasallos a un total de 35 deportistas que se atoparán entre os invitados á Gala.
Desde o goberno municipal en funcións invítase á veciñanza a sumarse á celebración asistindo ao acto no que rende homenaxe aos deportistas locais e á boa imaxe que transmiten de esforzo e compromiso.



A CASA DAS PALMEIRAS ACOLLE DESDE HOXE A EXPOSICIÓN “A MÚSICA DA NATUREZA” DE NARÓN AMIGOS DA ARTE

Neda, 10 de xuño de 2019.- O Concello de Neda colabora coa asociación Narón Amigos da Arte na celebración da exposición “A música da natureza” que, a partir desta tarde, estará aberta ao público na Casa das Palmeiras ata o día 22 do presente mes. O acto inaugural será hoxe, ás 20.00 horas. O horario de apertura será todos os días de 18.00 a 20.00 horas.
A mostra recolle as creacións artísticas de Alejos, Carmen Rodríguez, Crisanto Póveda, Daniel Fustes, Esther Piñan, Maite Hermida Maceira, Manuel Carballeira, María Julbe, Patricia Álvarez, Pili Criado e Zaplana, Francisco Pérez Alonso



Listas provisionais de persoas admitidas e excluídas nos procedementos selectivos para cubrir os postos de: 3 Albaneis, 2 Pintores e 3 peóns (PEL-2019).



A SOCIEDADE A PONTE DA COBELUDA ORGANIZA PARA O DÍA 23 AS ANDAINAS SOLIDARIAS E O XANTAR

Neda, 5 de xuño de 2019.- O Concello de Neda volve colaborar coa SCR A Ponte da Cobeluda na organización da IV Andaina Ponte da Cobeluda, que ten moito de actividade deportiva pero tamén un importante contido social e solidario.
A presente edición terá lugar o día 23 de xuño e dará lugar a tres rutas, cuxas distancias van dos 18 aos 2 quilómetros, así como un xantar que terá lugar na área recreativa e a unha recollida de alimentos para contribuír ao banco local. A inscrición mínima para tomar parte nas andainas implicará a donación dun quilo de alimentos non perecedoiros por persoa. As tres rutas terán como punto de saída e de chegada a area recreativa do río Castro. A primeira delas dará comezo ás nove da mañá, terá unha duración de catro horas e un percorrido de 18 quilómetros. O trazado discorrirá por Anca, Fervenza do Belelle e Louseira. Para as 11.00 horas está previsto o inicio da andaina na que os participantes cubrirán unha distancia de seis quilómetros, a súa duración será de 90 minutos e pasará por Liñares, Igrexa dos Remedios, Rego dos Gatos e Chisqueira.
A pensada para os máis novos deportistas comezará ás doce do mediodía, levarase a cabo polas inmediacións da Cobeluda e terá unha duración non superior aos quince minutos. As persoas interesadas en tomar parte xa poden formalizar as súas reservas a través dos números telefónicos 626 588 047 e 609 840 450. Así mesmo tamén terán que inscribirse os veciños e visitantes que teñan interese en tomar parte no xantar que, a base de churrasco, empanada, criollos, listos e patacas, terá un custo por persoa de 15 euros, no caso dos adultos e de 10 para menores con idades comprendidas entre os 5 e 12 anos. O nenos ata os catro anos comerán gratis. Os bonos xa están a venda no chiringuito da Cobeluda e no bar Graña, situado na Cruz do Pouso.
Nos dous últimos anos a entidade social da Cobeluda contribuíu con máis de 400 quilos ao banco de alimentos de Neda.


<<  Anterior | 1  | 2  | 3  | 4  | 5  | Seguinte  >>