Novas


NEDA ENTREGOU OS PREMIOS DO PRIMEIRO CONCURSO “DEBUXA E PINTA O TEU PERSONAXE FAVORITO”

Neda, 17 de abril de 2019.- Xandre Dopico Martínez (4 anos), Brais Martínez Monteagudo (8 anos) e Lucía González Gandoy (10 anos) son os nomes dos tres gañadores do primeiro concurso “Debuxa e pinta o teu personaxe favorito” organizado polo Concello de Neda con motivo do día adicado ao libro infantil (2 de abril).
Un total de trinta escolares dos colexios Maciñeira e San Isidro tomaron parte nunha convocatoria cuxo obxectivo era fomentar a lectura entre os nenos e nenas do municipio con idades comprendidas entre os 4 e 12 anos.
O xurado, formado por Cristina Bouza Bellón (concelleira de Cultura), Cristina Gómez Martínez (bibliotecaria) e Carla Villaamil Abad (profesora de debuxo e pintura do grupo infantil da Asociación de Amigos das Artes As Palmeiras) valorou a orixinalidade do debuxo e mesmo dos textos. Tratábase de crear e de debuxar un personaxe literario favorito, xa fose animal, persoa ou heroe acompañado dun pequeno texto no que se tiña que explicar o porqué da elección.
Os premios consistiron en vales, por importe de 60 euros, para canxear na librería Galicia. O acto de entrega, que estivo presidido pola titular de Cultura, Cristina Bouza Bellón, tivo lugar o pasado venres na biblioteca municipal.



JOSEPH CONRAD É O AUTOR DAS XVII XORNADAS LITERARIAS QUE SERÁN OS DÍAS 25 E 26 DESTE MES

Neda, 17 de abril de 2019.- O Concello de Neda organiza para os días 25 e 26 a edición número dezasete das súas a Xornadas Literarias, unha iniciativa coa que se pretende achegar aos lectores a obra dos grandes autores a través da opinión e os coñecementos dos expertos. Este ano será a figura e a produción literaria de Joseph Conrad a que se someterá á consideración de cualificadas voces.
A Casa das Palmeiras acollerá o desenvolvemento das catro conferencias incluídas na programación, para a que a administración local conta coa colaboración da Universidade da Coruña, a través da Facultade de Humanidades de Ferrol. A actividade dará comezo ás 20.00 horas do próximo xoves coa intervención do club de lectura “A Pantasma de Papel” do IES Fernando Esquío baixo a dirección de Loles Paris. A continuación, a catedrática e directora do departamento de Filoloxía Inglesa e profesora titular de Filoloxía Inglesa da Universidade da Coruña, María Jesús Lorenzo Modia, pronunciará a conferencia “A recepción de Conrad no século XXI”. Dúas novas citas terán lugar na xornada do venres 26. Neste caso, o escritor e crítico literario Sergi Bellver falará dos “Tres exilios de Joseph Conrad”, mentres que Xosé Manuel Outeiriño, doutor e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación, ademais de poeta, ensaísta e tradutor, farao do “Escepticismo e crítica social en Joseph Conrad”.
Esta programación tamén dará comezo ás 20.00 horas e será nas instalacións da Casa das Palmeiras. Trátase dunha actividade aberta a todas as persoas, como tamén para as que son amantes da literatura en xeral ou para as que simplemente queren ter contacto co mundo a cultura a través do análise que os expertos fan deste recoñecido escritor. Os interesados tamén poden garantir a súa asistencia apuntándose por adiantado no teléfono da Casa da Cultura (981 390 233) ou ben a través do correo (cultura@neda.es).


NEDA IMPULSA A PRIMEIRA SINALIZACIÓN PATRIMONIAL DO CASCO HISTÓRICO DA VILA

Neda, 10 de abril de 2019.- O goberno de Neda acomete por primeira vez a sinalización do casco histórico da vila. Un total de 20 elementos, entre sinais, paneis e placas, advertirán a turistas, peregrinos e mesmo veciños das riquezas patrimoniais da localidade. Materiais como o aceiro e o aluminio garantirán a permanencia no tempo dunhas estruturas de liñas simples e con textos escritos en galego, castelán e inglés acompañados dunha imaxe do elemento do que se trate.
Entre outros, prevese a instalación de sinais informativas na igrexa e praza de Santa María, no cruceiro e fonte da Cruz, na torre do Reloxo, na igrexa e cruceiro de San Nicolás, na Casa das Palmeiras e casa e praza Rectoral.
O proxecto tamén inclúe a colocación de dous paneis de grandes dimensións para aqueles visitantes que accedan ao municipio a través da ponte de Xuvia. En cada sentido, os viaxeiros atoparanse cun saúdo de benvida escrito en máis de vinte idiomas, con información relativa aos quilómetros e etapas do Camiño Inglés e cun mapa do casco histórico para que se acheguen a el.
A sinalización completarase coa instalación dunha placa de bronce suxeita ao chan para advertir da presenza do cano medieval, construído no século XII, que aínda se conserva, así como outra estrutura de similares características, pero esta feita en metacrilato, para transmitir información respecto ás casas con soportais tan características da vila de Neda.
O orzamento para levar adiante a iniciativa, aprobada recentemente en Xunta de Goberno, ascende a 14.600 euros. A idea do executivo pasa por buscar financiamento coa fin de rebaixar o importe da obra. Nesta dirección hai que situar o encontro que tivo lugar esta semana entre o deputado Xosé Regueira, responsable de Patrimonio Histórico da Deputación da Coruña, e a concelleira de Cultura e Turismo, Cristina Bouza Bellón. Esta destacou a boa sintonía que atopou no representante provincial tanto polas características como pola importancia do proxecto.
Ofrecer información de interese cultural, dar unha visión de conxunto á riqueza patrimonial do casco histórico e orientar aos visitantes cara os principais recursos están entre os obxectivos que o goberno de Neda trata de conseguir coa realización da primeira sinalización do casco histórico.



NEDA ORGANIZA PARA MAÑÁ UNHA SESIÓN DE CONTACONTOS CUNHA MENSAXE SOCIAL

Neda, 9 de abril de 2019.- A programación de Lésme un conto? volve este mércores a Neda da man da obra “O corazón de Lolo”, unha historia cunha mensaxe social e orientada a participación de nenos e nenas con idades entre os 3 e 9 anos. A convocatoria será ás 18.30 horas e terá lugar na biblioteca municipal. A duración do encontro é de 45 minutos.
O conto narra as dúbidas dun pato, chamado Lolo, que vai pasar uns días cunha familia que non é a súa. É argumento co que a Cruz Vermella, a través da campaña “Abre outra porta no teu corazón”, trata de aumentar o número de familias acolledoras para garantir axuda a menores que atravesan unha situación de crise ou dificultade nas súas familias que lles impiden atendelos correctamente de maneira temporal.



A ANDAINA ENTRE SANTIAGO E FISTERRA REMATA O DOMINGO PENSANDO XA NUNHA NOVA CONVOCATORIA

Neda, 4 de abril de 2019.- A andaina organizada polo Concello de Neda entre Santiago e Fisterra chegará esta fin de semana á meta prevista e despois de percorrer algo máis de 72 quilómetros nas tres anteriores etapas. Na que terá lugar o próximo domingo día 7 de abril, os participantes, que se aproximan aos cen, cubrirán 25 quilómetros, que é a distancia que existe entre a ermida de Nosa Señora das Neves e o faro situado na fin do mundo, tal e como se estaba a pensar na antigüidade.
A saída producirase ás 7.30 horas das inmediacións do albergue de peregrinos e a primeira parte da etapa realizarase en autocar, un medio de transporte que tamén se utilizará na viaxe de regreso. Unha vez en Neda os participantes serán obsequiados con música e viandas e recibirán a Fisterrana. Será no albergue do peregrino e dará comezo ás oito da tarde.
A andaina entre Santiago e Fisterra deu comezo o día 17 de marzo e, cando xa está a piques de rematar, desde a Concellería de Educación, Cultura, Patrimonio e Turismo xa se está a pensar na que se levará a cabo o próximo ano, por considerar que estas actividades “potencian os hábitos de vida saudables, favorecen a socialización e axudan ao coñecemento do noso patrimonio artístico, histórico, cultural e natural”, tal e como apuntou a súa responsable, Cristina Bouza Bellón. “Para min a sensación coa que rematan os participantes é un empuxe para seguir adiante con estas iniciativas”, aseverou..
A concelleira tamén entende que “temos un entorno local e en Galicia en xeral marabilloso e cheo de recursos” e asegurou que “o obxectivo que se está a perseguir con estas convocatorias é a posta en valor do territorio para potenciar na xente o orgullo do noso”. Bouza Bellón, que lembrou as rutas turísticas convocadas con anterioridade á andaina, destacou o encanto natural da ruta que rematará o domingo 7 e os moitos servizos que existen ao longo da ruta, tanto albergues como mesóns, para dar acollida a peregrinos e visitantes. Tamén quixo agradecer “a todos os que fixeron posible o éxito da actividade, aos participantes e aos voluntarios de Protección Civil de Neda, de Ames e Dumbría, que nos acompañaron e nos prestaron toda a súa atención e traballo”.

 


<<  Anterior | 1  | 2  | 3  | 4  | 5  | Seguinte  >> 

Axenda


Baila con "Pesdelán mini" Casa da cultura

8 de Maio.

Casa da cultura de Neda.

A partir de 4 anos.

Entradas maiores 2€, nenos 1€ Aforo limitado.

<<  Previous  | 48  | 49  | 50  | 51  | 52  | Next  >> 

Tramites online