Novas


A SEGUNDA ETAPA DA ANDAINA SANTIAGO-FISTERRA SERÁ O DOMINGO ENTRE NEGREIRA E SANTA MARIÑA

Neda, 21 de marzo de 2019.- Coa participación de case un cento de persoas, o Concello de Neda convoca para o próximo domingo a segunda das catro andainas que terán como obxectivo percorrer a pé os 90 quilómetros que existen entre a cidade de Santiago de Compostela e a localidade de Fisterra.
Nesta ocasión, a iniciativa discorrerá entre as poboacións de Negreira e Santa Mariña. A distancia a cubrir é de 20,8 quilómetros.
A saída, como xa aconteceu o día 17 e sucederá o 31 de marzo e o 7 de abril, producirase ás 7.30 horas das inmediacións do albergue de peregrinos. Desde este emprazamento, os participantes viaxarán en autobús ata o punto de partida da etapa correspondente e unha vez finalizada a andaina volverán a subirse nel para facer a viaxe de regreso ata a vila de Neda.
O importe dos desprazamentos, así como a contratación de monitores e do seguro, estaban incluídos na cota de inscrición, cuxa cuantía foi de 40, 50 e 30 euros, xa que ía en función da idade e do lugar de residencia dos participantes.
As seguintes etapas son Santa Mariña-ermida Nosa Señora das Neves (23 quilómetros) e ermida Nosa Señora das Neves-Fisterra (25 quilómetros).



A PROGRAMACIÓN POLO 8M TERÁ CONTINUIDADE ESTE VENRES CO DOCUMENTAL “MULLER(ES)MULLER”

Neda, 20 de marzo de 2019.- O documental “Muller(es)Muller” exhibirase este venres, día 22, na Casa da Cultura de Neda. O acto dará comezo ás 20.00 horas e, unha vez finalizada a proxección, arrancará un coloquio no que intervirán mulleres de distintas xeneracións.
“Muller(es)Muller” ofrece unha visión do papel que desempeñan as mulleres na sociedade actual, dos obstáculos que se atopan e dos esforzos que realizan para definir a súa propia identidade día a día. É un traballo que conta coa colaboración do Instituto da Muller e no que participan as escritoras Marilar Aleixandre, Olga Novo, Yolanda Castaño, María Reimóndez, Chus Pato e Carmen Blanco.
Esta iniciativa forma parte das actividades organizadas polo Concello de Neda con motivo do 8M e que pecharán o próximo venres (día 29) coa presentación do libro “Feminicidio: Unha nova orde patriarcal en tempos de submisión”, do que é autora Carme Adán.



COMEZA MISIÓN NEDA

Neda, 15 de marzo de 2019.- Hoxe arranca oficialmente o proxecto Misión: Neda!, -www.misionneda.gal- co que a área de Educación, Cultura, Patrimonio e Turismo do Concello de Neda lle propón á rapazada e ás súas familias descubrir o territorio dun xeito distinto e, de paso, resolver nas próximas semanas un misterioso enigma final co que poderán gañar unha táblet. Para iso deberán atopar 22 letras, que irán aparecendo por distintos puntos do concello de quince en quince días até o vindeiro 12 de abril. As cinco iniciais, correspondentes á primeira entrega do proxecto, xa están colocadas en lugares emblemáticos de Neda sinalados no caderno que se entregou esta mañá. Quen non o teña pode recollelo na Biblioteca Municipal.
Quen xa recibiron o material foron os nenos e nenas de Primaria dos colexios de Maciñeira e San Isidro. Levaron para a casa nun sobre o cartafol do proxecto -onde aparecen as casiñas baleiras do enigma que han de resolver- e o primeiro caderno, no que se lles describe a historia e o patrimonio do concello desde o Neolítico até o comezo da Idade Media.
libriño tamén se inclúen o mapa e mailos nomes dos lugares onde atopar as cinco primeiras letras da frase final. Sitios aos que deberán ir obrigatoriamente na compaña dunha persoa adulta. A medida que vaian localizándoas deberán anotalas nos recadros numerados que figuran na carpeta. Os seguintes dous cadernos, xunto coas localizacións de novas tandas de letras, estarán dispoñibles o 29 de marzo e o 12 de abril, co que se dán dúas semanas entre entrega e entrega para ir avanzando na resolución do enigma.
A explicación do proxecto e da mecánica do xogo ofrecéullela a mítica Laureana, protagonista dunha das lendas máis coñecidas do monte de Ancos. A moza que, segundo se conta, quedou convertida en fonte hai milleiros de anos aparecéuselle á rapazada para contarlle a súa historia e a maneira en que unha malvada bruxa a enfeitizou transformándoa en queixo, aínda que logo, por obra da maxia, mudou en cabalo e finalmente en auga.
Cos ollos abertos coma pratos e as orellas ben prestas, os nenos e nenas de San Isidro e Maciñeira escoitaron atentamente o relato de Laureana -interpretada por Silvia Casal-, quen se aplicou a fondo para espertar a curiosidade da cativería e para animala a que descubra a riqueza histórica e patrimonial de Neda.
Iso si, Laureana insistiulles moito aos pequenos en que é obrigatorio que lles axuden mamás, papás, avós, avoas... ou calquera outra persoa adulta da familia, lendo primeiro os cadernos para comprendelos ben e, logo, achegándose xuntos aos lugares onde están os carteis coas letras.
Misión: Neda! é unha iniciativa da Concellaría de Educación, Cultura, Patrimonio e Turismo a medio camiño entre o lecer ao aire libre e a cultura, coa que se pretende implicar ás familias no coñecemento do municipio. O proxecto estaba pensado nun principio unicamente para rapazada de entre 8 e 14 anos dos dous CEIPs locais. Porén, ante a expectación que levantou a resolución do enigma, o Concello decidiu abrilo até os 16 anos e mesmo á participación de familias de municipios limítrofes, que poderán recoller a carpeta e os cadernos na Biblioteca Municipal.



NEDA PRESENTA ALEGACIÓNS AO PLAN DE EXPLOTACIÓN DE TRANSPORTE DE VIAXEIROS POR ESTRADAS

Neda, 15 de marzo de 2019.- O Concello de Neda vén de presentar as súas alegacións ao proxecto de explotación de servizos públicos de transporte de viaxeiros por estrada elaborado pola Dirección Xeral de Mobilidade e actualmente en fase de exposición pública. O goberno municipal, se ben valora e aplaude a ampliación da liña do porto ata a zona do Puntal, tamén entende que non están contempladas outras demandas que resultan acaídas para fixar poboación nin as necesarias para favorecer a conciliación da vida familar e laboral. Dentro deste paquete, o executivo local propón crear unha conexión entre a liña As Neves-Praza de Galicia (XG6410101) e a XG64211701, á altura de Fene, coincidindo cos horarios de entrada e saída aos centros educativos e asistenciais. O goberno de Neda considera que este novo servizo podería ser de interese tanto para os veciños de Fene como para outros da zona, xa que permitiría viaxar a municipios da comarca, incluído o de Neda. No que respecta á liña XG64104, entre As Neves e a Praza de Galicia, o goberno de Neda fala da necesidade de correxir as limitacións que a día de hoxe teñen os veciños da zona rural por carecer de transporte en horario de mañá. Segundo os responsables municipais, “na situación actual se lles está a privar dun servizo básico para acceder aos recursos asistenciais e de ocio do Concello ou doutras zonas comarca”, ademais de apuntar que tampouco existe integración respecto do tranporte escolar.



COMEZA A CORRER O PRAZO DE DOUS MESES PARA PODER GOZAR DA NOVA ÁREA DE LECER DOS SUBARREIROS

Neda, 14 de marzo de 2019.- Esta semana deron comezo os traballos que transformarán a zona dos Subarreiros na nova área de lecer do centro urbano da vila de Neda. O alcalde, Ángel Alvariño Saavedra, destacou que a obra se executa coa intención de facer desta zona “o punto e encontro e reunión de nedenses de diferentes idades e co propósito, así mesmo, de atraer a xente de fóra para facer desde lugar un novo reclamo turístico e social da vila de Neda”. O rexedor amosouse confiado en que a empresa cumprirá os prazos para que o proxecto poida ser inaugurado antes do verán.
A obra, contratada polo Concello en 82.070,54 euros e cun prazo de execución de dous meses, dará lugar á construción dunha pista polideportiva, un parque infantil que se situará nas inmediacións do xa existente e unha área de lecer con mesas e bancos para que a xente poida gozar do lugar.
Estas novas infraestruturas ocuparán case 2.000 metros cadrados dos 14.000 que no ano 2017 foron cedidos, polo daquela chamado Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente e agora Ministerio de Transición Ecolóxica, ao Concello de Neda por un período de trinta anos.
A pista polideportiva será pechada pero non cuberta, ocupará unha superficie de 1.125 metros cadrados e está pensada para acoller partidos de baloncesto, balonmán, fútbol sala, voleibol e tenis. A estrutura terá 45 metros de longo por 25 de ancho e o pavimento será de cuarzo de cor verde.
Pola súa banda, o parque infantil ocupará outros 130 m2 duns terreos gañados no seu día ao mar e disporá de catro torres para que os menores poidan facer uso de pirámides de corda, tobogáns e balancíns.
O último elemento, aínda que non menos importante, é a zona recreativa, que constará de mesas, grelladas e papeleiras de ferro fundido para que veciños e visitantes dispoñan das máximas comodidades para pasar un día ao aire libre.
O Concello de Neda tamén está á espera da autorización da Demarcación de Costas para completar a intervención que vén de comezar coa realización dunha pista de skate e de bicicletas. O proxecto arrincou coa limitación da zona afectada polo proxecto e cos primeiros movimentos de terra.

<<  Anterior | 1  | 2  | 3  | 4  | 5  | Seguinte  >>