Novas


O Concello de Neda leva ás aulas do IES Fernando Esquío os obradoiros “Desenrédate! Prevención de adiccións e bo uso das TIC”

 O Concello de Neda leva ás aulas do IES Fernando Esquío os obradoiros “Desenrédate! Prevención de adiccións e bo uso das TIC”. Os talleres arrancaban esta mañá e desenvolveranse ata mediados do mes de maio, dirixidos aos alumnos e alumnas de 1º e 2º curso da ESO. Así mesmo, forman parte do programa Saúde na escola, que promoven conxuntamente os concellos de Fene, Mugardos e Neda, co apoio da Consellería de Sanidade.

Entre outros contidos, traballarase o coñecemento sobre os hábitos de saúde da poboación participante -autocoñecemento e autoestima-; abordaranse os hábitos sobre videoxogos e redes sociais -xogo online, apostas e perigos de Internet e protección online-; adicción a substancias -diferenza entre uso, abuso e dependencia, drogas legais-, ou habilidades sociais -presión de grupo, empatía, comunicación, autocontrol, resolución de conflitos…-.



O Concello de Neda repartiu a semana pasada os medios materiais para a elaboración de compost aos inscritos no programa de municipal de compostaxe caseira

 O pasado 9 de abril, os veciños e veciñas inscritos/as no programa municipal de compostaxe caseiro recibiron, de forma totalmente gratuíta, os medios materiais precisos para a elaboración de compost. Repartíronse composteiros individuais de 400 l de capacidade complementados con outros tantos caldeiros para o depósito dos biorresiduos e aireadores para facilitar a execución do proceso.

Asemade, ademais de recibir os medios materiais correspondentes para iniciarse na compostaxe caseira, monitores ambientais especialistas na materia encargáronse de ofrecer aos asistentes as pautas para a adecuada transformación da materia orgánica en compost.

A través do programa municipal de compostaxe caseira, pensado para a participación inicial de 125 veciños e veciñas, preténdese mellorar a eficacia da recollida selectiva mediante a separación previa da materia orgánica reducindo o volume de residuos que debe recoller o ente municipal. Este programa é unha forma de concienciar á poboación sobre o papel que xoga a compostaxe na xestión dos residuos orgánicos, aproveitando como punto de partida para o desenvolvemento doutros programas de educación ambiental.
 
01LOGOS12


Néboa Medio Ambiente inaugura exposición sobre “As aves do concello de Neda” este domingo na Casa das Palmeiras

 A Asociación Néboa Medio Ambiente inaugura este domingo exposición na Casa das Palmeiras baixo o título “As aves do concello de Neda”. O acto celebrarase ás 12 horas, e a partir de entón, a mostra poderá visitarse ata o 24 de abril, de luns a venres de 17,30 a 20 horas, e os sábados de 11 a 13 horas. As visitas rexiranse por un estrito protocolo fronte á covid-19, cun aforo reducido a 4 persoas por quenda.

Trátase dunha exposición sinxela que exhibe as fotografías realizadas polos membros da agrupación ornitolóxica Andoriña no transcurso das súas actividades. Ningún deles son fotógrafos profesionais, pero todos son grandes amantes da natureza. As imaxes expostas son só unha pequena mostra da grande diversidade de aves que acollen os espazos naturais do concello de Neda, espazos naturais diversos que inclúen as fragas ancoradas nas paredes rochosas da fervenza do Belelle; o bosque de ribeira que medra nas beiras dos ríos Belelle e Xuvia; os bosques de eucaliptos que cubren as abas do monte de Ancos ou o monte Marraxón, o monte baixo das Louseiras ou as marismas que enchen o fondo da ría, sen esquecer os prados, terreos de cultivo e hortas que rodean as zonas habitadas.



Plan de Integración Laboral. Puntuacións acadadas polas persoas aspirantes a 7 postos de albanel



O Concello de Neda colabora con AGA na súa labor de concienciación sobre a importancia do trampeo primaveral contra a vespa velutina

 O Concello de Neda súmase á labor de sensibilización e divulgación da Asociación Galega de Apicultura (AGA) sobre a necesidade de promover o trampeo primaveral contra a vespa velutina e, con ese fin, vén de publicar un bando municipal. No mesmo, danse indicacións sobre o trampeo e facilítase tamén o teléfono da delegación en Ferrolterra de AGA: 661 378 960 para aqueles que precisen máis información.

O obxectivo é evitar o grave perigo que conleva a proximidade dos niños ás vivendas e, para combatilos, incídese na necesidade de colocar trampas dende marzo a xuño. Deste xeito asegurarase eliminar todas as raíñas de paso e os niños primarios existentes nun radio duns 150 metros. Dende AGA lembran que o comportamento da velutina na lonxanía do seu niño é similar ao do resto de himenópteros, pero varía na proximidade, onde o seu instinto de protección faina máis agresiva e perigosa. Así, calquer ruído ou vibración -coche, maquinaria agrícola...- pode facilmente orixinar un ataque.

Agora estamos na época de previr ese perigo mediante o trampeo primaveral, coincidindo coa fase de construción e actividade do niño primario, ou ben de setembro a decembro, que é cando nacen as novas raíñas.

<<  Anterior | 1  | 2  | 3  | 4  | 5  | Seguinte  >>