Novas


O Concello de Neda tramita as solicitudes para acollerse ao programa de tarxetas-moedeiro para persoas en situación de vulnerabilidade

 O Concello de Neda, a través da Concellería de Servizos Sociais, tramita as solicitudes para o programa de tarxetas-moedeiro que impulsan Xunta e Cruz Vermella Española en Galicia. Un programa extraordinario de axudas económicas para a cobertura de necesidades básicas á poboación en situación de vulnerabilidade ocasionada pola COVID-19. A través das tarxetas-moedeiro, poderán adquirir produtos de alimentación, hixiene e farmacia.

A utilización destas tarxetas estará limitada aos establecementos que, de acordo coa Clasificación Nacional de Actividades Económicas vixente (CNAE 2009), se dediquen ao comercio ao por menor de produtos de alimentación, hixiene e farmacia.

Poderán acollerse ao programa as persoas e familias residentes en Galicia que se atopan en situación de vulnerabilidade económica, ben porque carecen de ingresos efectivos, ou ben porque os ingresos da unidade de convivencia non acadan o importe que lle correspondería en concepto de tramo persoal e familiar de RISGA, de acordo coas contías establecidas para o ingreso mínimo e os complementos familiares (artigo 21 da Lei 10/2013, de 27 de novembro, de inclusión social de Galicia), e non son perceptoras de prestacións económicas regulares de periodicidade mensual (RISGA, PNC, IMV, RAI, prestacións por desemprego...).
 
As tarxetas-moedeiro cárganse con distintos importes de axuda económica en función do número de persoas integrantes da unidade familiar (1, 2 ou 3 ou máis) e a cuantía oscila entre os 150 e os 300 euros mensuais (por un intervalo máximo de tempo de 3 meses).


O Concello conta cun novo servizo para a entrega e reciclaxe de aparellos electrónicos

 O Concello de Neda conta cun novo servizo para o depósito e reciclaxe de aparellos electrónicos tal que ordeadores de sobremesa, ordeadores portátiles, impresoras ou teléfonos móbiles en desuso.

Dadas as súas dimensións e características, está situado na nave municipal do Puntal, pero para facilitar o seu uso por parte da veciñanza, o Concello informa de que os depósitos poderán facerse na propia casa consistorial e que operarios municipais trasladaranos á citada nave. Para iso, é preciso chamar ao 981 38 00 39 e informar previamente da entrega.

Este punto súmase ao habilitado hai unha semana no mesmo consistorio para o depósito e reciclaxe de pequenos aparatos eléctricos e electrónicos -cepillos de dentes eléctricos, secadores de pelo, tablets ou planchas-; lámpadas, pilas e tóners. 


Puntuacións aspirantes proceso selectivo para cubrir 6 postos de albaneis no marco do Programa PEL2020



O Concello de Neda convoca o proceso selectivo para a contratación laboral temporal dun/ha técnico/a de turismo

 O Concello de Neda vén de convocar o proceso selectivo para a contratación laboral temporal dun/ha técnico/a en turismo. Unha contratación que se financiará parcialmente cunha achega procedente da Deputación provincial da Coruña. O prazo de presentación de solicitudes para concorrer ao mesmo é de cinco días hábiles contados a partir de mañá, e as persoas interesadas poden descargar o impreso de solicitude e as bases da convocatoria da web municipal (www.neda.es) ou no Rexistro Xeral da casa consistorial -Avenida de Alxeciras, 34-.

A duración do contrato estenderase dende a formalización do mesmo e ata o 31 de decembro de 2020 e a xornada ordinaria de traballo será de 37,5 horas semanais.

A convocatoria saía hoxe publicada no Boletín Oficial da Provincia (BOP).


Cine de verán ao aire libre este xoves en Neda co pase da película “Los Futbolísimos”

 Coa película “Los Futbolísimos”, o Concello de Neda inaugura este xoves 9 de xullo o seu ciclo de cine de verán. A proxección dará comezo ás 22,30 horas nos Subarreiros -en caso de choiva, a actividade trasladaríase á Casa da Cultura-, e as persoas interesadas en asistir ao pase xa poden reservar as súas entradas dende hoxe e ata o mércores -incluído-. Para isto, poden acudir presencialmente á Casa da Cultura de 10 a 14 horas ou chamar ao teléfono 981 39 02 33 no mesmo horario. Iso si, é preciso que a reserva sexa por conta dunha persoa adulta, que facilite nome e apelidos, DNI e teléfono de contacto.

O Concello tentará agrupar ás familias e tamén aos grupos de amizades de cara a optimizar un espazo que se verá mermado polas distancias sociais que se precisan gardar. Así mesmo, o día da sesión as persoas deben acudir coas súas entradas cunha antelación mínima de 10 minutos antes do inicio da proxección para acomodar espazos.

O ciclo continuará o 23 de xullo no paseo marítimo, coa proxección de “La Casa del Reloj en la pared”; “Ratón Pérez 2” (6 de agosto na Cruz do Pouso), e “A Galiña Turuleca” (13 de agosto na pista polideportiva do Roxal). 

<<  Anterior | 1  | 2  | 3  | 4  | 5  | Seguinte  >>