Novas


NEDA CELEBRARÁ O NADAL CON MÚSICA, ESPECTÁCULOS, TALLERES E AS VISITAS DO APALPADOR E DOS REIS MAGOS

Neda, 18 de Decembro de 2018.- O Nadal en Neda arrinca oficialmente coa visita dos Reis Magos aos escolares dos CEIPs San Isidro e Maciñeira, unha cita que terá lugar o próximo venres, día 21, e que se celebrará a primeiras horas da mañá. Haberá repartimento de caramelos e os nenos máis preguiceiros terán a sua última oportunidade para entregar a carta. Pero na programación organizada polo Concello para o presente mes de decembro e os primeiros días de xaneiro están incluídas outras moitas actividades. Así, para ese mesmo día, pero a partir das sete da tarde, a rondalla Lucero del Alba ofrecerá o tradicional concerto de Nadal na Casa da Cultura. A entrada é de balde e resulta ser unha das citas máis esperadas do ano polos afeccionados á música coral. Pola súa banda, o público infantil só terá que esperar ata o domingo, día 23, para asistir á representación da obra “O castiñeiro do apalpador”, unha función que dará comezo ás 18.30 horas e na que se espera a visita do mítico persoeiro que se encargará de repartir castañas e agasallos entre os nenos e nenas que asistan á función. Dirixido ao público infantil, o día 26, ás 20.30 horas na biblioteca municipal, haberá un obradoiro de decoración de Nadal. Nel poderán tomar parte menores con idades comprendidas entre os cinco e dez anos. A última cita do mes de decembro será o venres 28 coa actuación do Mago Teto na Casa da Cultura. “25 anos de Tolemaxia” é o nome dun espectáculo para o que haberá que pagar unha entrada de 1 ou 2 euros en función da idade do solicitante. A programación cultural terá continuidade o día 2 de xaneiro coa celebración dun taller de agasallos de Reis que se impartirá entre as cinco a as sete da tarde na biblioteca municipal. Pero, sen dúbida, a xornada do día 5 será a data máis importante do mes de xaneiro co percorrido dos Magos de Oriente polas rúas e parroquias do térmo municipal. A saída está prevista para as sete da tarde. O punto de partida será a curva do Puntal. Despois a comitiva rexia dirixirase á Casa das Palmeiras, onde terá lugar a recepción oficial aos Reis. Estos finalizarán a súa estancia en Neda despois de visitar as localidades de Xuvia e Muchiqueira. O Concello conta coa colaboración da Policía Local e máis da agrupación de voluntarios de Protección Civil para garantir o éxito da celebración.



NEDA PIDE A AXUDA DA VECIÑANZA PARA EVITAR A PRESENZA DE EXCREMENTOS DE ANIMAIS NAS RÚAS

Neda, 17 de Decembro de 2018.- O goberno municipal de Neda pide a colaboración dos donos das mascotas e mesmo da veciñanza en xeral para manter os espazos públicos libres de excrementos de animais. O Concello recorda que dispón dos mecanismos administrativos necesarios para garantir a aplicación das normas que obligan aos propietarios de cans, entre outros animais de compañía, a recoller as súas defecacións cando estas estean en lugares como beirarrúas, prazas ou parques. Os responsables municipais entenden que as ordenanzas están para se cumplir e advierten da súa intención de aplicar a normativa vixente, incluído o apartado relativo as sancións económicas, co fin de garantir uns espazos públicos limpos e libres de excrementos e de que estas zonas poidan ser compartidas e utilizadas pola poboación local e mesmo polos animais. O Concello informa así mesmo da súa intención de ampliar a campaña de sensibilización levada a cabo hai un ano e que deu lugar á colocación de pegatinas nas que un can estaba a sentir vergoña dos seus donos por deixar os seus excrementos no chan. Esta iniciativa levouse a cabo en todo o termo municipal e se fixo visible coa distribución dun total de 500 pegatinas.



ROSA CEDRÓN E EMILIO RÚA ACTUARÁN ESTE SÁBADO NA CASA DA CULTURA DE NEDA

Neda, 13 de Decembro de 2018.- A Casa de Cultura de Neda acollerá o sábado día 15, ás 20.30 horas, un concerto acústico a cargo de Rosa Cedrón e Emilio Rúa. “Cantos do Nadal” é o nome co que se está a difundir esta actividade incluída na Rede de Dinamización Lingüística. A retirada de invitacións poderase levar a cabo desde mañá venres ata momentos antes da actuación ou ata completar afroro. Rosa Cedrón é unha cantante galega e intérprete de violonchelo, coñecida por ser, durante nove anos, a voz do grupo Luar na Lubre, ademais de colaboradora en discos de músicos como Mike Oldfield. Pola súa banda, Emilio Rúa, cantautor e músico ourensán, vén de presentar hai pouco o seu último traballo discográfico, que se chama Duetos e para o que contou coa colaboración de Víctor Manuel, Pablo Milanés, Rozalén, Soledad Giménez, Luis Pastor e Dolo Beltrán, entre outros grandes nomes da música.



O LONGAMETRAXE “O DESAFÍO DO SIL” PROXECTARASE ESTE VENRES NA CASA DA CULTURA DE NEDA

Neda, 11 de Decembro de 2018.- Coa proxección o venres (día 14) da longametraxe “O Desafío do Sil,” da que é autor Domingo Díaz Docampo, comeza este venres a programación de Nadal organizada polo Concello de Neda coa idea de ofrecer posibilidades de ocio ás familias, así como manter vivas as tradicións. O documental pasarase ás 20.30 horas na Casa da Cultura e a entrada é de balde. O Concello invita á veciñanza a coñecer un traballo recentemente presentado no Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF) e que o pasado día 16 de novembro tamén se deu a coñecer no festival Cineuropa, obtendo unha gran acollida por parte do público. O seu autor confesou que “un dos grandes atractivos do documental é poder ver esas filmacións nunca antes vistas, algo ao que nos achegamos con todo o respecto e admiración do mundo”. “O desafío do Sil” recolle o esforzo profesional e humano que significou a construción dos Saltos do Sil. Díaz Docampo é produtor de longametraxes de animación. “O bosque animado”, “O sono dunha noite de San Xoán” e “Espiritu do bosques”, están entre os seus traballos máis coñecidos. O autor do “Desafio do Sil” estivo varias veces nominado aos premios Goya e foi premio de deseño 1998 “Trofeo Laus” por “Bicho”. Ademais é profesor de Teoría e Técnicas Audiovisuais na Escola Superior Marcelo Macías da Coruña.



O MERCADO SOLIDARIO DE NADAL DAS AMAS DE CASA ESTARÁ ABERTO DO 6 AO 9 NA CASA DAS PALMEIRAS

Neda, 5 de Decembro de 2018.- Un ano máis a Casa das Palmeiras de Neda volve abrir as súas portas á solidariedade da man da Asociación Amas de Casa local que, grazas á colaboración das súas socias, porá á venda máis de 150 artigos diferentes nunha nova edición do Mercado Solidario de Nadal. Esta iniciativa estará operativa do día 6 ao 9 desde mes nas devanditas instalacións municipais en horario de 10.00 a 13.30 e de 17.00 a 20.00 horas. O Mercado Solidario abre a posibilidade de colaborar co Concello nas axudas que reparte entre familias en risco de exclusión social mediante a compra de mandís, roupa de bebé, debuxos, bolsas do pan, ademais de tea e fíos para labores de bordado e gancho. Os prezos son moi razoables, “xa que se trata de vender o maior número de artigos posibles”, segundo se apunta desde a entidade, desde onde tamén se valora de xeito moi especial o traballo que veñen realizando as socias desde o pasado mes de outubro para contribuír co maior número de obxectos e roupa ao éxito da presente edición do mercado. A día de hoxe a Asociación Amas de Casa de Neda conta con máis de 80 socias e está dirixida por Rosario Doval. María Xosé Abrogues está ao fronte da tesourería.


<<  Anterior | 1  | 2  | 3  | 4  | 5  | Seguinte  >>