Novas


SUSANA SEIVANE, ENTRE AS ACTUACIÓNS MUSICAIS DESTE SÁBADO NO FESTIVAL DO RÍO BELELLE DE NEDA

Neda, 23 de agosto de 2017. O festival do Río Belelle chegará a súa décima edición o próximo sábado cun ambicioso programa no que hai desde actividades tradicionais ata actuacións musicais de primeiro nivel, tal e como explicou Jacobo Bermúdez Torrente, representante da Asociación Cultural e Etnográfica A Fervenza do Belelle, promotora da celebración coa colaboración da Deputación da Coruña e do Concello de Neda.


A festa, que terá lugar nun campeiro a carón do río, dará comezo ás 13.30 horas coa actuación do grupo “Os Campantes da Baña”. Xa pola tarde, a partir das 16.00 horas, as actividades estarán centradas na celebración de xogos tradicionais, tanto infantís como de adultos. Estes últimos terán que competir nunha carreira de sacos en grupo, lazamento de fardos de palla e tiro de corda.


Despois das nove da noite, a música será a auténtica protagonista dunha reunión que tamén se caracteriza pola comida campestre na que se dan cita grupos de amigos e de veciños da zona e mesmo tamén da comarca. Susana Seivane e os grupos “Quenindiole”, “Andarivel”, “Retumbatuke”, “Liviao de Marrao” e “Sokram” son as actuacións que compoñen o programa musial co que a organización quere celebrar os dez anos de vixencia da cita moi popular en toda a contorna. O orzamento é de uns 17.000 euros, cartos que se reuniron coa venda de rifas e a celebración de comidas puntuais ao longo de todo o ano.



A PROPOSTA CULTURAL DA XUNTA PARA PROMOCIONAR O CAMIÑO INGLÉS CHEGARÁ O XOVES Á VILA CON MÚSICA, TEATRO E UNHA MOSTRA

Neda, 22 de agosto de 2017. O Concello de Neda participa no programa “Vive o Camiño” que, organizado por Turismo de Galicia, ten como finalidade dinamizar e poñer en valor os Camiños Inglés e de Fisterra e Muxía. A iniciativa chegará ao municipio o próximo xoves, día 24 de agosto, e con ela unha animación itinerante que, ás 12.00 horas, percorrerá o centro da vila; a montaxe dunha exposición con material divulgativo sobre a ruta xacobea e a representación da obra de teatro “Dous no camiño” protagonizada por Isabel Risco e Fran Rei. Esta última actividade será ás 19.00 horas na contorna do paseo marítimo de Xuvia, nas inmediacións do albergue de peregrinos. A proposta é para o público de todas as idades e vai dirixida tanto á veciñanza como aos visitantes en xeral. A obra narra as tres lendas máis clásicas da ruta: a de Roldán, a da chegada do Apóstolo a Compostela e a da pedra da barca de Muxía.

A caravana “Vive o Camiño” realízase nos concellos polos que transcurren as rutas xacobeas ao abeiro do plan Director e Extratéxico do Camiño de Santiago en Galicia 2015-2021, que establece cara ao presente ano os Camiños Inglés e de Fisterra e Muxia como eixos centrais dunhas actividades que se desenvolven entre os meses de agosto e setembro. O programa conta con un orzamento de 86.000 euros. O goberno de Neda invita aos veciños e viaxeiros a visitar a exposición, na que haberá material dabondo tanto informativo como promocional do Camiño Inglés, e a asistir á representación que será ao aire libre.



“PAN QUEER DE NEDA” É O LEMA DO TRABALLO CO QUE ALBA PERMUY GAÑOU O CERTAME PARA ANUNCIAR A FESTA DO PAN

Neda, 18 de agosto de 2017. “Pan Queer de Neda” é o lema do traballo que, presentado por Alba Permuy Martínez (Neda), foi elixido para anunciar a XXIX Festa do Pan, que será o día 3 de setembro e que terá como anticipo a celebración da Ruta do Pincho e o festival Noite dos Bolos, entre outras moitas actividades. A obra é o resultado de dúas principais ideas: a identidade, -persoal e local-, en mestura coa tradición e a transformación social. O bolo de pan- situado no centro- simboliza o patrimonio, o traxe representa a cultura e a imaxe masculina, as ideas defendidas polo movemento queer, unha corrente que aposta pola construción de identidades persoais, estéticas e afectivas, ambiguas; descontextualizadas da socialización de xéneros e dos encargos patriarcais. Así, nesta fotografía realizada por Pablo Santiago -acompañada dun lema cuxa fonte tipográfica Gaspar é deseño orixinal de Carlos Alonso- o modelo, Carlos Rodil, “defende o dereito de cada persoa a configurar a súa propia identidade con liberdade, conxugando con total naturalidade tradición e modernidade; combinando os elementos culturais máis autóctonos e significativos do noso territorio, cunha estética transformadora que reivindica o dereito de todas e todos á diversidade e á autenticidade”, segundo argumentou a gañadora dun certame no que tomaron parte un total dezaseis artistas.
 

O xurado estivo formado por Ana Rosa Pena Barcia (tenente de alcalde), Cristina Bouza Bellón (concelleira de Cultura), Leonardo Lamas (artista local) e Manel Gómez Santos (deseñador gráfico).



VIAQUA TRABALLA PARA REPOÑER O SUMINISTRO DE AUGA ESTA MAÑÁ

Neda, 17 de agosto de 2017.- A rotura da bomba que impulsa a auga da Fervenza ata os depósitos desde os que se distribúe á veciñanza deixou hoxe sen suministro a todo o municipio, un problema que a empresa concesionaria do servizo, Viaqua, espera ter resolto a media mañá. O goberno municipal, ademais de pregar a compresión dos veciños por un feito imprevisible, recorda que xa se atopan en fase de tramitación novas inversións para tratar de evitar que se repitan este tipo de incidencias. 

 



O CONCELLO DE NEDA VOLVE POÑER AO FRENTE DA FESTA DO PAN Á EMPRESA SANTA COMPAÑA

Neda, 16 de agosto de 2017. O Concello de Neda volveu confiar na empresa Santa Compaña cara á celebración da Festa do Pan, que será a primeira fin de semana de setembro. A Santa Compaña leva dez anos facéndose cargo da festa con maior promoción turística do municipio. A súa experiencia e o axustado do seu orzamento foron factores determinantes para gañar un procedimento negociado ao que foron invitadas outras tres empresas.


O importe do acordo ascende a 17.600 euros. Con cargo a dita cantidade, a empresa agora contratada ten que facerse cargo da instalación das infraestruturas (carpas, mesas e cadeiras, entre outros elementos) e mesmo tamén do cátering para dar de comer ás máis de 1.000 persoas que o domingo 3 se darán cita no paseo marítimo da localidade para degustar o pan, as empanadas e as bolas- produtos que porán as panaderías locais- así como as 1.200 racións de churrasco e arroz que estarán á venda a 12 euros. O prezo non varía con respecto á pasada edición.


<<  Anterior  | 70  | 71  | 72  | 73  | 74  | Seguinte  >>