Novas


Anuncio sobre o proceso de contratación temporal de un/ha técnico/a en Turismo

 Consulta a listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas



A AECC traerá este luns a Neda os seus puntos de información no Día Mundial contra o Cancro de Mama

 O Concello de Neda conmemorará un ano máis da man da Asociación Española contra o Cancro (AECC) o Día Mundial contra o Cancro de Mama. Así, o balcón da casa consistorial xa loce dende hoxe a pancarta en sinal de apoio e compromiso na loita contra o cancro de mama.

Ademais, o vindeiro luns, 19 de outubro, Día Mundial, a AECC traerá ao municipio os seus puntos de información. Estarán na contorna da Casa das Palmeiras e do Eroski en horario de 11 a 13 horas. Alí, informarán á cidadanía sobre esta doenza e o labor que a asociación realiza no seu día a día, e a veciñanza poderá contribuir a esa actividade mercando material solidario rosa, como mascarillas.

Accións todas elas coas que dar visibilidade ao cancro de mama, o tumor máis frecuente entre as mulleres, xa que se estima que ao longo da súa vida 1 de cada 8 sufrirán esta doenza.


Special Olympics Galicia prepárase para realizar o Camiño Inglés cubrindo este venres o treito entre Neda e Cabanas

 Special Olympics Galicia levará a cabo este venres a actividade “Carlota prepara o camiño”, a través da cal unhas 10 persoas con discapacidade intelectual, voluntarios, adestradores e persoal da asociación realizarán parte da primeira etapa do Camiño Inglés. Cubrirán a distancia que separa Neda do campo de fútbol de A Veiga, en Cabanas.

¿Hora e punto de partida? As 10,30 horas na igrexa de San Nicolás de Neda. O Concello quere apoiar esta iniciativa e sumarase á andaina.

“Carlota prepara o camiño” busca a inclusión social das persoas con discapacidade intelectual a través da ruta xacobea. Así, por medio deste proxecto, a asociación preparará fisicamente aos seus usuarios, voluntarios e equipos cubrindo diferentes etapas do camiño co ánimo de realizalo ao completo o vindeiro Ano Santo.
 
Sobre Special Olympics Galicia
É unha asociación de pais, profesionais e amigos de persoas con discapacidade intelectual que traballa para promover a súa inclusión social a través do deporte, o ocio, a cultura e o voluntariado.


O Concello iluminarase de azul e rosa no Día da Concienciación da Morte Xestacional e Perinatal

 Este xoves, Día Internacional da Concienciación da Morte Xestacional e Perinatal, a casa consistorial de Neda iluminarase de cor azul e rosa para dar visibilidade a este duelo tan traumático, e para recordar e recoñecer ás familias que o sofren, axudando deste xeito a reducir o tabú social e crear empatía na sociedade.

O Concello súmase así á iniciativa que impulsa a Asociación Bolboretas No Ceo Norte. Unha entidade con sede en Narón constituída por un grupo de persoas que pasaron pola desgraciada situación da morte dun fillo/a durante a etapa xestacional ou perinatal. Nela, as familias reciben apoio e asesoramento ao tempo que traballa en materia de concienciación social.

Neste sentido, a asociación lembra que a tasa de mortalidade perinatal e xestacional é moito mais frecuente do que se comenta, xa que a tendencia é a ocultalo por unha sensación de vergoña e falta de comprensión. Na actualidade sitúanse en torno aos 5,7 falecidos por cada mil nacementos vivos e, en España, estímase que se producen ó redor de 2.000 casos ao ano.


O Concello colabora coas ANPAs na posta en marcha dos programas de conciliación madrugadores e comedores escolares

 No marco das políticas municipais de conciliación, o Concello de Neda colabora coas ANPAs do municipio na posta en marcha dos servizos de madrugadores e de comedores escolares no CEIP San Isidro e Maciñeira. Así, os programas arrancaban co inicio do curso escolar, aínda que a inscrición continúa aberta para todas aquelas familias que desexen contar con estes servizos. No último pleno municipal celebrado, a corporación aprobaba destinar unha partida de 8.500 euros para colaborar co financiamento destes dous servizos nos dous centros escolares neste exercicio 2020. Os fondos axudarán a cubrir os gastos orixinados no CEIP de Maciñeira entre xaneiro e marzo e neste primeiro trimestre e no CEIP San Isidro, nestes meses do actual curso.

No caso do CEIP San Isidro, tanto Madrugadores como o comedor escolar botaban a andar este ano por primeira vez, tras as obras de acondicionamento do espazo, realizadas polo Concello durante o pasado curso. O primeiro comeza ás 7,30 horas e prolóngase ata o inicio das clases. Nel participan unha media de 10 nenos e nenas. Unha cifra que se amplía ata os 12 no caso do comedor.

Pola súa banda, no CEIP de Maciñeira é o segundo ano no que se ofrecen Madrugadores, a partir das 7,30 h, e cunha asistencia media de 8 nenas e nenos, e o servizo de comedor, coa participación duns 11 rapaces e rapazas.
Nos dous centros ofrecen a posibilidade de recurrir aos servizos todos os días da semana ou días soltos.
 
Para novas inscricións, é preciso contactar coa ANPA do CEIP San Isidro nos teléfonos 606 102 226/675 110 856 e do CEIP de Maciñeira 655 26 77 42.

<<  Anterior  | 4  | 5  | 6  | 7  | 8  | Seguinte  >>