Novas


Listado provisional de persoas admitidas e excluidas ao proceso selectivo para a contratación dun/ha técnico/a en turismo



O Concello de Neda abre o prazo de presentación de solicitudes para as axudas para libros e material escolar e transporte universitario e FP

 O Concello de Neda abriu hoxe o prazo de presentación de solicitudes para optar ás axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar, así como ás subvencións para custear os gastos de transporte para estudantes universitarios/as ou de Formación Profesional. Dirixidas a familias con escasos recursos económicos, a Administración local reserva unha partida de 6.000 euros para este capítulo. O Boletín Oficial da Provincia publicaba onte a convocatoria das dúas líneas de axudas, abrindo hoxe, e por espazo de 20 días naturais, o prazo para solicitalas. Un trámite a realizar no Rexistro Xeral da casa consistorial en horario de 9 a 14 horas.

No tocante ás axudas para material, cubrirán libros de texto e material de papelería, mochilas, estoxos… sempre e cando os posibles beneficiarios non reciban outras axudas por este mesmo concepto.

Poderán solicitalas os/as alumnos/as matriculados/as en centros educativos sostidos con fondos públicos, dende Educación Infantil (reglada e non reglada), primaria, secundaria, bacharelato ou formación profesional.
 
No caso das axudas para o transporte van dirixidas a estudantes universitarios ou de FP.
 
A convocatoria das axudas para a adquisición de libros e material escolar pode consultarse no seguinte enlace: https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2020/09/30/2020_0000006730.pdf
 
A convocatoria das axudas ao transporte pode consultarse no seguinte enlace: https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2020/09/30/2020_0000006731.pdf


O Concello convoca as axudas para o movemento asociativo dirixidas á promoción de actividades e investimentos en materia deportiva e cultural

 O Concello de Neda destinará unha partida de 17.000 euros a diferentes liñas de axudas en materia deportiva e cultural dirixidas ao movemento asociativo. O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a convocatoria, marcando o inicio do prazo de presentación de solicitudes. Poderán presentarse no Rexistro Municipal da casa consistorial a partir de mañá xoves, 1 de outubro, e por espazo de 20 días naturais.

As axudas van destinadas a tres capítulos: a promoción de actividades culturais; a promoción de actividades deportivas, e a realización de investimentos de carácter cultural. Precisamente, a finais de xullo, Concello e asociacións acordaban reorientar as subvencións municipais este ano, abrindo a posibilidade de destinalas tamén a investimentos. O obxectivo era facilitar o acceso ás axudas nestes tempos de covid-19, que levaron á cancelación ou aprazamento de moitas actividades ao longo do ano. A partir de aí, iniciáronse os trámites administrativos para encaixar esta posibilidade. Un proceso que conclúe hoxe coa publicación no BOP da convocatoria.

Asociacións e entidades interesadas poden acceder ás bases no seguinte enlace: https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2020/09/30/2020_0000006728.pdf


Neda estima en 2 millóns de euros o investimento necesario para eliminar os verquidos á ría de Ferrol

 O Concello de Neda demanda urxentemente a colaboración económica da Xunta de Galicia para executar os investimentos millonarios necesarios en materia de saneamento para poñer fin aos verquidos á ría de Ferrol. Uns investimentos que superan os dous millóns de euros segundo as estimacións da Administración local. Así o puxo de manifesto esta mañá o alcalde de Neda, Angel Alvariño, que comparecía en rolda de prensa xunto á tenente de alcalde e concelleira de Servizos Sociais, Ana Rosa Pena, e a concelleira de Educación e Deportes, Angeles Puentes. Quería denunciar publicamente a problemática que está a sufrir o municipio nesta materia, máxime despois das últimas declaracións realizadas por representantes da Xunta de Galicia, que daban por concluído o proceso de saneamento coas últimas actuacións en curso.

Alvariño quixo levantar a man e poñer o foco sobre a realidade de Neda, o único concello da ría que, inexplicablemente, quedou fóra do saneamento proxectado pola Xunta e dos proxectos de construción dos colectores para a marxe norte e sur da ría. A partir de aí, o Concello foi asumindo diferentes intervencións nesta materia. A última, por importe de 120.000 euros e coa axuda da Deputación, o que permitiu a recollida de pluviais e fecais dende a zona do pazo da Merced, estación de ferrocarril e curva do Regueiro cara a estación depuradora.

En paralelo, o Concello foi redactando diversos proxectos. O último, tan só á espera das autorizacións pertinentes: o saneamento na zona comprendida entre o río Basteiro e a depuradora. Un proxecto valorado en 550.000 euros moi necesario para poñer fin ás filtracións detectadas nos análises na estación depuradora. Ligado a este, o Concello prevé sacar a contratación a redacción do proxecto para conectar Xuvia co río Basteiro e, deste xeito, poñer fin ao ciclo do saneamento no municipio, dando unha solución prácticamente definitiva aos verquidos á ría. Tan só pendente de pequenas actuacións sobre o río Belelle.
 
Nesta liña, o alcalde mostrou a súa preocupación pola falta de resposta por parte de Augas de Galicia, fundamental para acometer as intervencións. Asegurou que Neda non pode ser o único concello da ría en afrontar este problema en solitario, e apuntou que nun principio o anterior director do ente comprometérase a colaborar na financiación dos proxectos a través dos fondos resultantes das baixas nas obras da Malata, pero co cambio de responsable a promesa quedou niso.
Para Alvariño resulta inexplicable que dende hai 3 anos Augas de Galicia agrave a situación con continuas multas ao Concello de Neda por verquidos á ría cando está actuando no marco das súas posibilidades financieiras. Unhas multas cada vez máis recurrentes e que o Concello alega como resposta. Unha situación que se complica aínda máis para o alcalde cando a coñecida como Lei Montoro impide a concellos como Neda, con débeda cero e superávit, destinar o remanente de tesourería -de 750.000 euros- a estas actuacións.
 
Para o alcalde, a única saída é a cofinanciación, tal e como se fixo cos colectores norte e sur da ría.
 
Servizo de recollida de residuos sólidos urbanos
Doutra banda, e sen saír dos asuntos vencellados ao medio ambiente, o alcalde avanzou a inminente licitación do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos. Lembrou que este está fóra de contrato dende 1999, hai máis de 21 anos. Unha situación que debe mudar de inmediato. Apuntou que en 2015 tentouse inicialmente a remunicipalización, pero as dúbidas xurídicas lastraron o proceso. A partir de aí, e coa previsión do fin de contrato en Narón en 2017, traballouse xunto a este concello e o de Ferrol, tamén sen contrato, para mancomunar o servizo. Porén non saíu adiante e Neda apura agora a licitación. Na actualidade, a empresa que presta o servizo tan só aporta o persoal, sendo propiedade do concello a flota de vehículos, cunha antigûidade moi elevada que deriva nun gasto cercano aos 70.000 euros anuais en materia de reparacións. Así mesmo, co novo contrato buscarase poñer remedio a outro problema grave en Neda como é a proliferación de verquidos incontrolados. Problema que se estende a toda a comarca e que en Neda supuxo en 2019 un gasto de 90.000 euros a maiores do custe das recollidas programadas.


A unidade móbil de doazón de sangue trasladarase este venres a Neda

 Unha unidade móbil da Axencia de Doazón de Sangue trasladarase este venres, 2 de outubro, ao Concello de Neda. Permanecerá diante da Casa da Cultura entre as 15,30 e as 21 horas e, para doar, pide cita no teléfono gratuíto 900 100 828


<<  Anterior  | 3  | 4  | 5  | 6  | 7  | Seguinte  >> 



Axenda

<<  Previous | 1  | 2  | 3  | 4  | 5  | Next  >> 

Tramites online