Novas


O CONCELLO ENTREGOU OS PREMIOS DA INICIATIVA CULTURAL E DE LECER “MISIÓN: NEDA!”

Neda, 2 de maio de 2019.- O salón de actos da Casa da Cultura encheuse de risas e expectación durante o peche do proxecto “Misión: Neda!”. As risas chegaron co espectáculo surrealista e participativo “Mere cidamente”, do malabarista e pallaso MereClown. El foi o encargado de entreter o público adulto e infantil que ateigaba a sala xusto antes da chegar ao momento máis agardado: o sorteo de catro táblets entre a mocidade que conseguiu descubrir o enigma proposto na misión. Os ganadores foron Lois López, Eduardo Rodríguez, Adrián Ameneiros e Kevin Graña. A responsable da área de Educación, Cultura, Turismo e Patrimonio, Cristina Bouza Bellón, agradeceulles ás nenas e nenos e tamén ás familias a súa participación nunha iniciativa que tiña entre os seus obxectivos “reforzar o sentemento de orgullo por ser de Neda”. Algo que o seu departamento incentivou propoñendo descubrir a historia e o patrimonio municipal seguindo tres cadernos didácticos nos que se repasa a evolución do territorio desde o Neolítico ata practicamente a actualidade. Ademais, con cada entrega -feita nos coles por personaxes da historia nedense interpretados pola actriz Silvia Casal- tamén se facilitou un mapa para atopar varias letras coas que compoñer unha misteriosa frase final. O proxecto comezou o 15 de marzo e finalizou o venres da semana pasada, último día para que a cativería verificase nos coles ou na biblioteca municipal a correcta resolución do enigma. A solución: “Neda, un concello incrible”, 22 letras repartidas sen unha orde determinada por outros tantos lugares de certa relevancia histórica ou patrimonial. “Como curiosidade cómpre comentar que para atopalas todas foi necesario percorrer uns 30 quilómetros do municipio”, asegurou a concelleira recoñecendo “o grande esforzo” que supuxo para grandes e pequenos completar. Segundo Cristina Bouza, foron preto de 200 familias as que se interesaron por esta actividade que tamén perseguiu “facerlle chegar a todas elas un pouco máis do coñecemento sobre o medio que nos rodea e sobre a historia do noso concello, que ten aspectos moi importantes e destacados”. Finalmente foron 114 as nenas e nenos que completaron a misión e que depositaron na urna o seu nome e apelidos para entraren no sorteo dos catro premios cos que se engadaba a súa participación no proxecto. Con axuda de MereClown -o pallaso que animou a tarde do martes nun espectáculo con entrada libre- a concelleira foi sacando un por un os ganadores das táblets: Lois López González, de 7 anos; Eduardo Rodríguez Maragoto, de 10; Adrián Ameneiros Cazorla, de 12 anos, e Kevin Graña Vilela, de 9. A entrega dos premios púxolle o ramo á un proxecto que de cara a próximos anos pode propoñer novos retos tomando como base os mesmos contidos deseñados para esta primeira edición. De feito, tal e como destacou Bouza Bellón, os cadernos están dispoñibles para consulta na biblioteca municipal e tamén seguirá a activa a web www.misionneda.gal, que amplía o material impreso con reseñas máis amplas, máis fotografías e mapas interactivos sobre o territorio.
Un traballo que, en palabras da concelleira, vén complementar a “tradición” historiográfica municipal iniciada polo bibliotecario e estudoso local Manolo Grueiro a través da Revista de Neda. “A web que acompaña o proxecto e os cadernos que se repartiron contribúen a aumentar toda a documentación que hai sobre Neda para que os veciños e veciñas a teñan á man para consultala en calquera momento”, sinalou a responsable de Educación e Cultura.



NEDA GAÑA AO BBVA E SALDA UNHA DÉBEDA DO ANO 2008 QUE REPRESENTABA UNS GASTOS DE 54.000 EUROS AO ANO


A partir do próximo mes o Concello verase libre de gastos financeiros

Neda, 30 de abril de 2019.- O goberno de Neda gaña, por sentenza xudicial, ao BBVA e vén de cancelar unha débeda que tiña contraída coa entidade bancaria desde o ano 2008 e que estaba a representar uns 54.000 euros ao ano, entre intereses e amortización, e algo máis de 838.000 euros ata o seu vencemento. O importe inicial do derivado financeiro ascendía a 572.000 euros.
O alcalde, Ángel Alvariño Saavedra, e a concelleira de Facenda, Ana Rosa Pena Barcia, compareceron hoxe en rolda de prensa para dar a coñecer a resolución do asunto coa fin de animar a outras administracións locais a denunciar outros posibles casos de abusos bancarios e para informar de que a partir do próximo mes o Concello de Neda no terá débeda bancaria.
Alvariño Saavedra manifestou a súa satisfacción por haber chegado a un acordo co BBVA, “a raíz dunha sentencia pioneira”, por considerar que se trataba “dun produto canceríxeno que estaba a hipotecar á administración local”. O acordo evita así mesmo a posibilidade de presentar recurso por parte da entidade bancaria.
O rexedor explicou que a sentenza anula o contrato que a anterior corporación asinou no ano 2008 pero que non chegou a utilizar ata dous anos despois, e engadiu que a resolución xudicial foi decisiva á hora de forzar á entidade bancaria a chegar a un entendemento entre as partes, de forma que o Concello liquida esta débeda cun único pago de 235.000 euros.
Alvariño mostrouse moi crítico con respecto aos anteriores responsables municipais, por considerar que no ano 2008 non había motivos para pedir un préstamo desas características e con esas condicións e pola escaseza de recursos nas que deixaron as arcas municipais. Neste sentido, informou de que, ademais do préstamo co BBVA, firmaron outro días despois das eleccións municipais por importe de 250.000 euros e só deixaron 97.000 euros en caixa para abonar as nóminas. Fronte a esta situación, o alcalde de Neda defendeu a política económica que está a seguir o equipo de goberno, que deixa uns 600.000 euros en investimentos e 1.300.000 euros de remanente.
Na sentenza, ditada a primeiros de abril polo Xulgado de Primeira Instancia número oito da Coruña, dubídase de que “a corporación ostentase información suficiente para comprender o alcalce do contrato coa soa lectura dun documento que require os coñecementos dun profesional do mercado de valores ou, alo menos, dos dun cliente experimentado neste tipo de produtos”. Por esta razón, o xuiz Antonio Fraga Mandián declarou a nulidade por erro vicio do contrato de 20 de maio de 2008.
A concelleira de Facenda e avogada de profesión, Ana Rosa Pena Barcia, explicou que se trataba dun derivado financeiro moi complexo e “dun certo engano pola falla de información ao cliente”. Sinalou que podería tratarse da primeira sentenza neste sentido de Galicia, xa que a día de hoxe só existe outra anterior do Supremo



CONVOCATORIA PARA CONTRATAR PERSOAL AO ABEIRO DO PROGRAMA DE INTEGRACIÓN LABORAL SUBVENCIONADO POLA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DA CORUÑA.

Aprobadas pola Xunta de Goberno Local, en sesión celebrada o día 22/04/19, as bases reguladoras do proceso selectivo para a contratación laboral temporal de 3 Albaneis, 2 Pintores e 3 peóns, por un período de 4 meses; subvencionada pola Deputación Provincial da Coruña ao abeiro do Programa de Integración Laboral mediante a execución de obras e servizos mínimos municipais dos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes durante o exercicio 2019 (PEL-CONCELLOS); ábrese o prazo ata o día 06/05/2019 incluído, para a presentación de solicitudes.
As persoas interesadas poden obter o modelo normalizado de solicitude e as bases da convocatoria, tanto na páxina web do concello - http://www.neda.es - como no Rexistro Xeral do mesmo, sito na Avda. de Algeciras, nº. 34.

 

http://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2019/04/30/2019_0000003219.html



O CONCELLO SORTEARÁ ESTE MARTES AS CATRO TÁBLETS DE “MISIÓN: NEDA!”

Neda, 29 de abril de 2019.- “Neda, un concello incrible” é o misterioso enigma final que se escondía no proxecto “Misión: Neda!” impulsado pola área municipal de Educación, Cultura, Patrimonio e Turismo do Concello de Neda. É a frase que condensa a esencia da iniciativa, coa que se tentou achegarlles á rapazada e as súas familias toda a riqueza histórica e patrimonial do territorio local. Desde mediados de marzo, maiores e cativos tiveron que percorrer o municipio á procura das 22 letras da frase utilizando como guía os tres cadernos publicados, a web www. misionneda.gal e os mapas subidos a Google.
O Concello repartiu preto de 200 cadernos e, finalmente, foron 114 familias as que completaron correctamente a aventura. Mañá martes, ás 19.30 horas, o auditorio da Casa da Cultura acollerá o sorteo público de catro táblets entre as participantes que deran co enigma. Será xusto despois do espectáculo “Mere cidamente” de MereClown, aberto tanto a quen seguise Misión: Neda! como a quen queira pasar un rato de humor.
No Facebook do Concello de Neda xa está publicada a folla coas claves do enigma, con indicación do número de orde e os lugares onde se encontraba cada unha das letras. Atrás queda mes e medio de pescuda visitando todo o municipio, pero tamén de aprendizaxe descubrindo patrimonio, historia e múltiples curiosidades que, se cadra, grandes e pequenos descoñecían. Agora conclúe o proxecto co acto que terá lugar mañá martes -véspera de festivo- na Casa da Cultura e que consistirá no sorteo de catro táblets entre todos os acertantes da frase. Estímase que nesta iniciativa participaron lomenos de 400 persoas, tendo en conta que se repartiron cerca de 200 cadernos e que o reto que se propuña era para facer en familia. Ao remate da serie histórica sobre Neda, 114 nenas e nenos verificaron o cumprimento do reto e botaron nas urnas dos colexios e da Biblioteca Municipal as súas papeletas para poder participar no sorteo.
Neste sentido, desde o Concello cualifícase o programa como “un éxito”, xa que se estima que o completaron “entre 300 e 400 persoas”, habida conta de que os escolares debían ir sempre na compaña de familiares adultos. Tal e como comenta a titular da área de Cultura, Cristina Bouza Bellón, “durante as últimas semanas vimos varios grupos á procura das letras da misión, polo que a cifra non vai moi desencamiñada. Ademais, tamén sabemos doutra xente que completou parte do enigma e outra que o fixo igualmente malia superar os 16 anos e non poder entrar no sorteo, que vai dirixido a nenas e nenos”.
Rapazada, familias e público en xeral poderán asistir ao sorteo co que se pecha esta primeira edición de “Misión: Neda!”. O evento comezará ás 19.30 horas co espectáculo de humor e circo “Mere cidamente”, da man de MereClown. Serán 50 minutos de risas e números sorprendentes aptos para todos os públicos que precederán o momento de sacar das urnas os nomes dos nenos e nenas afortunados cos catro agasallos.



A FESTA DOS MAIOS SERÁ ESTE VENRES NO RECINTO FEIRAL DO ALBARÓN

Neda, 29 de abril de 2019.- O recinto de Albarón acollerá o venres, día 3, as celebracións dos Maios que o goberno de Neda promove en horario de mañá e tarde coa intención de festexar con flores, poesía e actuacións musicais o renacer do mundo vexetal na primavera.
A iniciativa dará comezo ás 11.00 horas coa creación dos primeiros adornos florais a cargo dos alumnos dos CEIPs Maciñeira, San Isidro e mesmo da escola infantil “Os Pelegríns”.
A actividade retomarase a primeiras horas da tarde, ás catro, coa elaboración dos maios e a actuación musical do cuarteto de Trasancos. A partir das cinco haberá unha exhibición de zumba na que intervirán o alumnado da escola municipal e da Asociación de Veciños Ancos, e a celebración dun obradoiro infantil con flores para que os máis novos tamén tomen contacto cunha festa cuxa orixe é anterior á chegada dos romanos.
A poesía estará presente na programación a partir das 19.30 horas coa intervención de Dani Cánovas y, a partir das 20.00 horas e tras unha votación popular, terá lugar a entrega dos premios aos mellores adornos florais. O acto rematará coa actuación do dúo Eva e Camilo.
O executivo local invita a toda a veciñanza a sumarse á celebración ao tempo que agradece a participación na mesma dos CEIPs San Isidro e Maciñeira, a escola “Os pelegríns”, Asociación Semente, Escola Municipal de Teatro Infantil, AVV Ancos, Andaina A Canteira e comparsa A Canteira, Asociación de Xubilados de Neda (Axune), colectivo Agujas, Hilos y Dedales (Centro Cívico) e o denominado “Sacando hilos y Enhebrando Agujas (Casilla do Puntal).

<<  Anterior  | 1  | 2  | 3  | 4  | 5  | Seguinte  >>